EVENTO

Música e oficios tradicionais, na Feira das Mozas de Xinzo

Iván Prado, Amador Díaz, Carlos Valle e Carlos Gómez, na presentación.
photo_camera Iván Prado, Amador Díaz, Carlos Valle e Carlos Gómez, na presentación.
A terceira edición da Feira das Mozas celebrarase o sábado 11 de maio, con varios espectáculos e concertos

A Asociación Cultural A Pantalla, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, celebrará a terceira edición da Feira das Mozas, o sábado 11 de maio.

Este evento naceu coa intención de recuperar unha das feiras máis importantes de Xinzo: a feira do 14 de maio, coñecida como a Feira das Mozas: un dos días de feira máis concorridos da vila, onde xa comezaban a verse os froitos do campo e a gandaría estaba no seu mellor momento, logo do frío inverno.

Tradicionalmente, neste día era común que os mozos, tanto da vila como dos arredores, xuntáranse co pretexto da feira para buscar parella e entaboar amizades. Como distintivo da súa soltaría empregabas un caravel encarnado, que os mozos entregaban as mozas como símbolo de interese.

As feiras en Xinzo foron un dos espazos máis importantes a nivel social que tivo na comarca, así como a nivel económico e gastronómico. Xusto son istos tres piares os motores para que a Asociación Cultural A Pantalla traballe en recuperar, divulgar e protexer a feira como lugar de unión e intercambio cultural, sendo un día idóneo para mostrar as máis fondas tradicións e saberes populares. A feira contará cunha chea de grupos musicais, tanto da propia vila como “Lirolaio”, “Tarde Piache”, “Pedra Alta” ou “Os Ghalos d’Antioquía”, como con convidados de comarcas limítrofes, caso de “Lembranza Solpor”, de Celanova, que amenizarán a Praza Maior co seu espectáculo “Coelerni” ás 19,30 horas, ou “Candaira”, de Castrelo do Val, que estarán polas rúas do casco vello de pandeirada durante todo o día.

Pero o prato forte desta edición será, sen lugar a dúbidas, “Ailá”, que darán un concerto ás 20,30 horas na Praza Maior, sendo un dos grupos de maior sona no panorama musical galego.

Todo isto estará acompañado de interesantes mostras de oficios e saberes tradicionais, como a cestería, o traballo do liño ou a feitura de corozas, así como dun espazo para os máis cativos onde lles ensinarán e xogarán como o facían os maiores.

Como colofón a esta festa cada vez máis concorrida, haberá renda solta para que as rúas se enchan de músicos, nunha foliada aberta por todo o caso vello, previsiblemente ás 21,30 horas.

Te puede interesar