TEATRO

A Mostra de Teatro aposta na súa 40 edición pola innovación

Ainhoa Viñuela, Roberto Pascual, César Fernández e Yolanda Gómez, presentando o cartel.
photo_camera Ainhoa Viñuela, Roberto Pascual, César Fernández e Yolanda Gómez, presentando o cartel.
Celébrase do 19 ao 27 de xullo e ofrece unha ampla oferta de espectáculos na rúa e no castelo

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) celebrarase en Ribadavia entre os días 19 e 27 do próximo mes de xullo, presentando onte a imaxe que divulgará esta 40ª edición. No acto, no cal participaron o alcalde, César Fernández, e a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, ademais dunha das responsables do deseño, Ainhoa Viñuela, e o director artístico da MIT, Roberto Pascual, púxose de manifesto a idea de potenciar todos os bos froitos que a MIT brindou ao longo destes anos e tamén o seu carácter lúdico, festivo, de cruzamentos e aposta pola innovación.

No tríptico da imaxe desta edición espello (o lema do 2024 é 40 MIT, edición espello), reflíctese a fusión, a idea de linguaxes híbridas da escena a partir de fotografías realizadas por Rosiña Rojo, a fotógrafa oficial do festival nestes últimos anos, con obras pictóricas de diferentes épocas artísticas depositadas en museos europeos. Así, recóllese a imaxe de Patricia de Lorenzo, unha posta en escena de Marta Pazos ou unha escena de danza de La Macana, que conforman a escolma do deseño gráfico que procura reflectir a identidade do festival e as fusións.

Coproducións

“Fomos o primeiro festival en realizar coproducións, en fomentar o diálogo das compañías galegas nun contexto internacional, a diversidade de xéneros escénicos, as residencias e programación expandida... Todo iso pretende ser a imaxe, baixo o fondo patrimonial e artístico da vila do Ribeiro, con variada oferta de espectáculos na rúa, ademais do Castelo”, sinala Roberto Pascual.

Unha das primeiras citas desta MIT vai ser o recibimento dos artistas nas Residencias Paraíso da Igrexa da Madalena, a comezos de xullo, onde estarán desenvolvendo o seu proxecto, para mostrarnos o proceso no marco do festival. Se o ano pasado estivo Brigitte Vasallo, cuxo proxecto “Queixa” está xirando agora mesmo a nivel internacional, este ano contarase co colectivo Desgarradura, co proxecto “The miracle worker”, unha creación arredor dos conceptos de fogar, familia, recordo e perdón.

Por outro lado, se as Residencias son a primeira cita, a última será o día 27 coa presentación da coprodución da MIT co Centro Dramático Nacional e ButacaZero: “Iribarne”. Unha sátira política sobre a transición e a Galicia contemporánea, un dos grandes espectáculos da temporada, con dramaturxia de Esther Carrodeguas e banda sonora do músico Berto.

Ademais, a MIT xa convocou o 19º Premio Abrente, para o que remata o prazo de admisión de obras teatrais orixinais o día 15 do próximo mes de xuño, que aumenta a súa dotación ata os 4.000 euros e sigue garantindo o apoio da edición e da escenificación das obras dramáticas gañadoras.

Te puede interesar