Dez xamóns para as fotos dos maios máis afortunadas

O maio do Carrabouxo no medio do xentío, na Festa dos Maios do ano pasado.
photo_camera O maio do Carrabouxo no medio do xentío, na Festa dos Maios do ano pasado.
La Región convoca un sorteo no que unha ducia de imaxes poden facerse cun galardón

Esta semana, a provincia énchese dunha das manifestacións máis senlleiras da primavera ourensá: os maios. Un ano máis, a cidade e as vilas gozan coas esculturas vexetais e as coplas. Moitos lectores deste xornal sacarán o teléfono móbil para inmortalizar o momento. E isto pode ter premio. La Región sortea dez xamóns de Coren entre os participantes que se animen a enviar as súas imaxes.

Quen queira facerse cun destes produtos só ten que remitir as fotografías a través da web f.laregion.es/maios, dirección á que se pode acceder mediante o código QR que figura ao final desta noticia. Hai que cubrir un formulario adicional, onde o participante, entre outros datos, ten que aportar o lugar onde se sacou a imaxe. Pódense presentar ata catro fotografías ata o 8 de maio ás 12:00 horas, aínda que ningún participante obterá máis dun xamón. Os arquivos deben ser orixinais. O seu tamaño máximo será de 3 MB de peso e a súa  calidade, de entre 200 e 300 píxeles por pulgada.

Premios para os maios

Ademais deste sorteo, La Región convoca os Premios Maios 2024 da cidade con tres galardóns. O primeiro premio consistirá nun vale de 750 euros para canxear na tenda de electrodomésticos Bermello. O segundo premio será un vale de 400 euros para adquirir produtos de Coren. Por último, o terceiro premio outorgará un bono de 300 euros, tamén para gastar en produtos da cooperativa ourensá. O resto de maios inscritos non marcharán de baleiro da rúa do Paseo. Todos os inscritos recibirán cadanseu vale de 100 euros para artículos de Coren.

Un xurado mixto, composto por expertos da cultura ourensá, deliberará os maios gañadores. Del forman parte Afonso Vázquez Monxadín, José Paz e mais Maribel Outeiriño. A categoría será única e estableceranse tres maios premiados entre os rexistrados no concurso e expostos na celebración dos maios, que como xa se dixo anteriormente, terá lugar este domingo, 5 de maio. A inscripción pode pecharse na páxina web de La Región ata as 12,00 horas de mañá.

Te puede interesar