Satélites, telemedicina e enerxía renovable: o rural intelixente sae á palestra en Toén

González, Menor e Gómez, onte nas xornadas.
photo_camera González, Menor e Gómez, onte nas xornadas.

Toén converteuse onte nun centro de debate sobre os retos de futuro do rural. O Centro de Loita Integral contra o Lume acolleu as Xornadas sobre Territorios Rurais Intelixentes. Á cita acudiron un número significativo de alcaldes e representantes municipais, así como a recén nomeada conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Escolleu este escenario para estrear a súa axenda pública como parte do novo Goberno galego, xunta o presidente da Deputación, Luis Menor, entre outras autoridades coma o rexedor anfitrión, Ricardo González.

No seu debut, Gómez afirmou que a Xunta quere apostar pola innovación como “panca de mobilización” do rural galego. A nova conselleira destacou que o concepto de territorio rural intelixente implica apostar polo progreso e por un futuro sustentable. Algo que, segundo asegurou, “estamos empeñados en fomentar dende os poderes públicos en xeral e en concreto dende a Xunta de Galicia”. Gómez engadiu que para o departamento que dirixe “é esencial valorizar e mellorar o agro”.

O papel da tecnoloxía no rural foi a medula das xornadas. O programa incluíu relatorios sobre a conectividade a través do satélite, por exemplo. Tamén se falou de telemedicina, é dicir, a medicina a distancia a través do emprego de ferramentas tecnolóxicas. Outro dos temas que saíron á palestra en Toén foron as enerxías renovables de autoxeración.

O presidente da Deputación, Luis Menor, comentou que xornadas como a de onte organízanse para “falar de solucións” e “dar os servizos para vivir e traballar no noso rural”. Menor cre que “seremos tremendamente competitivos á hora de captar poboación e investimentos”. A condición é facer “das nosas aldeas territorios conectados e con servizos”.

Te puede interesar