Opinión

A autovía a Pontevedra

Leo a noticia de que o Ministerio de Transporte nega a posibilidade de facer unha vía de alta capacidade que conecte Carballiño e Pontevedra -apoiada, por certo, polos alcaldes do PP, PSOE e BNG da ruta- e non me sorprende. Entendo que ten a súa lóxica. A deles. Que non a miña. Pero empecemos polo principio. O Ministerio de Transporte está dirixido na actualidade por un “poli malo” que ten como maior mérito o de ter feito de can de ataque na moción de censura, contra o ourensán que se presentaba como alternativa á presidencia do Goberno. Tamén ten o mérito de apelidarse como un elemento construtivo, “puente”, e ter un vocabulario groseiro e básico -axeitado cos gustos do momento- que escurece os recursos argumentais que puidese esgrimir. Así, define, por exemplo, ao presidente do Goberno como “puto amo”, en vez do máis educado “amado líder” que usaría un colega seu de, por exemplo, Corea do Norte. 

E claro que si, que debemos de agradecer que nos expliquen que se pode ir de Ourense a Pontevedra pola AP-9, A-52 e AG-53, ou sexa por Vigo ou por Santiago, en vez de dicir por exemplo, “a tomar por saco” e que sería o coherente co rexistro lingüístico de “puto amo” do ministro. 

E si. A autovía sería boa cousa. Con 67 quilómetros entre Carballiño e Pontevedra de vía rápida, vehicularíamos o tráfico de Ourense (incluso o que vén de España) ás rías de Pontevedra e Vilagarcía. E, ademais, na metade do camiño, á altura aproximada de Soutelo de Montes podíase facer hoxe ou mañá un ramal que pasase por Forcarei e, en 36 km, directamente con Lalín. Así, de Pontevedra a Forcarei ou Lalín faríase directamente en vez de ir dando a volta por Santiago ou por Ourense. 

Pero non. A lóxica do Ministerio é que levou á construción de dous portos exteriores en Galicia, en Coruña e Ferrol, coa risa dos enxeñeiros do ramo de toda Europa. A lóxica do Ministerio é que haxa tres aeroportos, tres, descoordinados en Galicia. Tantos como ten o Portugal continental. A lóxica do Ministerio é que para vir de Seixalbo a Ourense por tren, haxa que furar Montealegre varios quilómetros, avantar por riba de San Tome no Loña, furar os montes en Velle e avantar por riba das piscinas de Oira, con inmensa afectación ecolóxica e gasto disparatado. A lóxica do Ministerio reafirmada polo ministro do “puto amo” co alcalde de Vigo, é furar o Paraño para ir a Vigo en tren por Cerdedo e entrar polo norte en vez de aproveitar o curso do Miño e a conexión de Guillarei que nos facilitaría, tamén, a conexión co norte de Portugal, e entrar en Vigo polo sur sen furar ningunha cordal montañosa.

Non. A lóxica do Ministerio do ramo parece que vai por un lado distinto á do sentido común. Se nas nosas vidas tratamos de ser eficientes no uso dos cartos, parece que nesoutras esferas manda a teoría do máximo gasto. Se se poden gastar dez mil millóns, porque gastar dous mil? Canto máis gasto, máis hai para repartir, máis para “compartir”, máis para “influír”, máis para “morder”. Oínlle unha vez a unha alumna dicir das festas descontroladas “Cuanta más masa, mejor se pasa”. Pois algo disto está nas lóxicas do diñeiro público sen control. E se hai que apertar o cinto, pois sexa en cousas menores como facer 67 kilómetros de autovía entre Pontevedra e Carballiño. 

En fin. Que vendo o panorama e comportamentos políticos na Lusitania irmá, en como xestionaron o diñeiro público e atraeron o privado na modernización do país, e visto o panorama do que hai hoxe en España de crispación extrema planificada, de promoción do odio e do insulto intoxicador da xente, pois sinto a tentación de facerme portugués. Galicia, comunidade autónoma da República portuguesa. Non soa mal, pero fácil non parece. 

Te puede interesar