Opinión

Coroneis honorarios e o Zamora 8

Unha das curiosidades das monarquías europeas no tránsito entre o XIX e XX, digamos ata fins da I Guerra Mundial, foi o intercambio de dignidades militares honoríficas. Deste xeito estreitábanse relacións entre as casa reais e os exércitos. O uso tivo especial predicamento nos estados alemáns anteriores á unificación, no Imperio Austro-Húngaro, Rusia, Inglaterra e España, nacións todas elas, con puntos de contacto dinásticos.

Algunhas veces, poucas, trouxo problemas. Un deles, ao rei Afonso XII que aceptou ser coronel honorario dun rexemento de ulanos (nº15, Slesswig-Holstein) de guarnición en Estrasburgo, durante a súa viaxe europea de setembro de 1833 na que visitou París, Alemaña, Austria e Bélxica. Como mostra de simpatía co recoñecemento dos anfitrións xermanos, sacouse unha foto co uniforme correspondente ao cargo. A cousa non sentou nada ben aos franceses que perderan Alsacia e Lorena na guerra franco-prusiana de 1870-71. Así na parada duns días despois en París, foi abouxado polo populacho con berros de “Abaixo o ulano”, “Viva a república”.

Tamén Afonso XIII foi coronel honorario dun rexemento de húsares do Exército imperial ruso, o nº 7 de Olviopol, pero nunca alá foi.

En fin, España distinguiu con tal dignidade a 26 persoas, case todos reis ou membros de familias reais estranxeiras, fundamentalmente de Portugal (3), Baviera (3), Austria (3), Prusia, Saxonia, Alemaña, Dinamarca, Italia, Rusia, Rumanía e 4 de Inglaterra: Arturo de Connaught, gobernador de Canadá (e honorario do rexemento de infantería Arapiles 62); Vitoria Eugenia de Báttenberg (coronela honoraria do Rexemento de Cazadores 22 e raíña de España, como esposa de Afonso XIII) e os reis Eduardo VII e Jorge VI, ambos, coroneis honorarios do Rexemento de Infatería Zamora nº8.

E porque do Zamora 8? Pois porque Coruña e Ferrol, lugares por onde se movía daquela o Rexemento, eran as cidades de España máis vinculadas ao exército inglés nos seus desprazamentos cara a India, xunto con Vilagarcía de Arousa e onde participaban na nacente industria naval. Ademais nas tres había representación diplomática británica, cónsul e vicecónsules. Así pois, 4 de outubro de 1905 asina o rei Alfonso XIII o nomeamento de Eduardo VII de Inglaterra para o cargo. Non de ser alleo o feito, a que Alfonso XIII lle facía ás beiras nos seus encontros en Biarritz, á sobriña do rei inglés, Victoria Eugenia, futura esposa súa e raíña de España desde 1906.

O Rexemento mantén sempre relación co Rei inglés e o 19 de marzo de 1908, ao pouco da súa ascensión a Capitán xeneral honorario do exército de España, unha delegación do mesmo entrégalle un estoxo co seu retrato da man do pintor Vicente Díaz González (autor, tamén, dun retrato de Concepción Arenal que está na Deputación de Ourense). Á súa morte, en 1910, foron ao enterro a Londres, desde Coruña, o coronel Enrique Faura Gaviot, o capitán Martinez Peñalver e o tenente, Sr. Quintana Pardo en nome do Zamora 8.

Jorge V de Inglaterra substituirá no cargo honorario ao pai, pois é nomeado para tal, por Afonso XIII, en maio de 1911. Nos meses seguintes, a mesma comisión, comandada agora polo coronel Lanza Iturriaga, entrégalle o uniforme e asiste á súa coroación. Da relación entre Jorge V e a unidade, conserva o Coronel (R) Fco. Javier Taboada de Zúñiga, bisneto do coronel Modesto Salgado Díaz -xefe do Zamora 8 entre 1917 e 1920 en que ascendeu a xeneral de brigada–, unha interesantísma documentación orixinal enviada por Buckingham Palace e fotos de época que poden aínda ata o día 12 na Expo do Marcos Valcárcel. Todo isto, foi, claro, antes da chegada do Rexemento a Ourense en 1943, pero forma parte da nosa historia herdada.

Te puede interesar