Opinión

Só por detrás de Camboia

Contan as crónicas que don Estanislao Figueras, presidente que foi do primeiro Goberno da Primeira República española, farto das trangalladas dialécticas e máis das cambadelas xurídicas que se traían uns e outros, os federais e mailos unionistas, non só con el senón entre eles mesmos, ausentouse dun consello de ministros e desapareceu durante uns meses. Ó cabo deles deron con el en París pois collera o tren e, nada de meditar durante cinco días, desapareceu… e punto e aparte. Cando por fin lle puideron preguntar pola razón que o empuxara a facer o que fixera, calada e sosegadamente, respondeu: “Señores vou serlles sincero, estou ata os collóns de todos nós”. Dito o cal non regresou ó goberno. De telo feito probablemente este país hoxe sería outro.

Acaso por iso este país sega a ser o de sempre. Algúns inxenuos demos por feito, dado que era e segue a ser necesario, que o ex presidente do Goberno galego acudiría a Madrid decidido a impor a sensatez e o sentidiño, o entendemento e maila política de Estado, dos que tanto falaba, no xusto momento no que se decidiu a súa incorporación á presidencia do seu partido. Equivocámonos tanto, dun xeito tan inxenuo, que chegamos non a nos manifestar en tal sentido pero si a considerar desexable e mesmo posible un goberno de salvación que superase a lamentable realidade política do país que se nos ofrecía.

Non sucedeu nada do que moitos, non sei cantos pero si moitos, esperabamos. Ben polo contrario hoxe xa hai quen bota en falta ó anterior presidente do partido maioritario da actual oposición, o que xa é botar. A oposición está a seguir unha política que parte do seu electorado percibe xa coma propia das dereitas cando en realidade é outra cousa que non fará falla cualificar pois hailles dereitas e dereitas. Distínguense ben.

Personaxes afeitos ó desprezo dos maiores, personaxes desexosos de se prestar a ser manipulados por ventrílocuos especializados na corrupción da linguaxe e das ideas, son hoxe o maior apoio intelectual de quen se adaptou a eles en troques de propiciar que fosen eles os que se avisen a un comportamento que a pureza democrática deste país necesita e merece. Nesas andamos. A paisaxe política actual é deprimente. Se o exercicio político non é diálogo e pacto entre os partidos maioritarios é, indefectiblemente, outra cousa que -por moito que se estea a manifestar noutros ámbitos políticos da realidade internacional- non é desexable que o faga tamén no noso e propio.

Por iso é necesario que o golpe de efecto dado polo actual presidente do executivo español induza unha reflexión colectiva que nos leve a unha millor e máis pacífica convivencia. Segue habendo unionistas e federais. Non avanzamos nada do que xa deberiamos ter avanzado, por moito que a Constitución vixente nos permita facelo dende a negociación e o pacto.

É necesario que a fenda establecida por un comportamento político rexeitable e maximalista, cando non impropio dunhas mentes que se din pensantes, sexa abandonado cunha decisión tan sólida e forte que só sexa posible cando un pobo esqueceu o raciocinio e se aventurou neses sentimentos que, secularmente, nos teñen levado á confrontación dogmática, asentada no insulto e na difamación, no corrosivo deterioro da convivencia cidadá, pois tal é a execrable práctica política que ven guiando gran parte do noso comportamento colectivo deteriorándoo durante tempo abondo como pra que sexa necesario poñerlle fin dunha bendita vez. Se non ha ser así non poderemos conseguir deixarlle ós nosos descendentes o país e maila convivencia social que se merecen e lles debemos.

Daqueles tarugos de antano que preferiron unha España rota antes que roxa, por dicilo dalgún xeito, no lles hai tanta e necesaria diferencia cos que hoxe predican e dan exemplo dunha España chea de bos “españoles” e, por tanto, baleira dos que son cualificados como malos, é dicir, teimar nunha actitude que nos levou a ser, logo de Camboia, o segundo país do mundo en número de foxas comúns espalladas polo noso territorio: dunhas foxas que por certo seguen case que todas onde estaban. Que país e que vergonza.

Te puede interesar