Opinión

Non todo vale pra acadar o poder

Pedro Sánchez sigue á fronte do Goberno. É unha decisión que parece acaida e sensata. Pero máis que criticar o parón de cinco días, haberá que falar do que parece que se afrontará. Desde hai moito tempo precísase abrir un proceso para comezar a limpar o lixo e a intoxicación na política, e dotar á vida pública do valor da ética na práctica diaria. Son moitos os casos de denuncias falsas ou con intereses espurios que se usaron para forzar dimisións e que axudaron a cambiar de signo ós gobernos de distintas administracións.

Exemplos recentes hai moitos. Facendo un chisco de memoria, alguén aínda se lembrará de cando Feijoo gañou as eleccións primeiras en Galicia, no 2009. Supoño que moitos acordaranse do caso dos coches oficiais, das cadeiras e do acoso que se lle fixo o sr. Quintana con bulos de maltrato a unha muller. O obxectivo era que había que derrubar ó bipartito. O certo que aquela campaña liderada por un medio galego foi o acicate para que bailara un escano e Feijoo chegara á Presidencia da Xunta. Houbo máis casos, pero citarei o máis recente que foi o de Mónica Oltra. Denunciar tentando acadar réditos políticos seguro que seguirá existindo, e sempre haberá políticos que, facendo esas manganchas, terán aliados nalgunha prensa para tentar influír na opinión da cidadanía e mudar o sentido do voto.

A maneira de actuar é moi sinxela: unha organización copia unha nova deses medios que son lacaios de grupos vinculados á extrema dereita e que citan a persoas cargándolle corruptelas. Logo veñen as asociacións vinculadas a esas forzas e van ós tribunais coa denuncia. Despois ven un xuíz deses que ignora ou esquece os criterios de ponderación e abre dilixencias. E o acusado que se amole.

Facer ver que todo é corrupción sempre foi un obxectivo que a dereita política empregou con moita frecuencia. Aínda que lle afectou é moito, o seu electorado apenas o penaliza. Mentres que na esquerda eso págase coa perda de moitos apoios.

Non hai moito tempo aconteceu no veciño Portugal co primeiro ministro, António Costa, que tivo que dimitir por acusacións das que falamos e, despois da dimisión e convocatoria de eleccións, chegou un cambio de tendencia que favoreceu ós conservadores e aupounos ó poder na república veciña. Poucos días despois, o asunto arquivouse.

Nesta cidade tamén aconteceu algo semellante co bipartito hai uns cantos anos. As imputacións da man da xuiza De Lara foron a causa. Mais no seu afán xusticieiro esta señora esnaquizou unha alternativa de goberno que tiña unha maioría sólida. Tampouco me quero esquecer de quen hoxe é alcalde desta cidade, que denunciando a compañeiros fixo moito dano. As denuncias foron todas arquivadas, pero antes pasaron polo calvario dos xuízos. E logo ó preguntarlle ó denunciante, este contestou: “Nos dixemos o que publicaba un medio, que a Xustiza investigue”.

A política debera ser a prestación dun servizo á sociedade e tamén debera ser un exercicio nobre. Máis, a día de hoxe, non o parece. Vivimos no tempo do insulto e da falla de argumentos e propostas. No da descualificación e de enmerdar todo. O paso que deu o presidente Sánchez debera abrir un debate na sociedade para dotar á vida pública dunha ética respectada por todos. Nunha democracia non hai inimigos, hai adversarios. Se as eleccións de Cataluña lle saen ven o PSOE e hai un presidente na Generalitat socialista, quedando eliminado Puigdemont, ós populares terán as cousas moi difíciles por un tempo para chegar á Moncloa. E xa veremos se toda esta pandemia de acoso e derribo cae o chan polo seu propio peso, pois non todo vale pra chegar ó poder.

Te puede interesar