Opinión

Eurovisivos (3): Anabel Conde

A eurovisiva Anabel Conde.
photo_camera A eurovisiva Anabel Conde.

Finalizando este repaso eurovisivo por aquelas cancións que estiveron a piques de gañar o Festival quedando en segundo lugar, teño que nomear necesariamente á cantante hispano-peruana Betty Missiego, que no ano 79 estivo a piques de saborear o triunfo en Xerusalén, se non fora porque o xurado español fixo gañar ao páis organizador, dándolle os puntos necesarios para sobrepasar a Betty que ía á cabeza ata esa última votación. Moito se falou deste tema, insinuando que o noso xurado recibira instruccións de TVE para non ter que organizar o festival ao ano seguinte. Nin tal cousa, porque xa daquelas os xurados tiñan que ter entregadas as votacións antes de que se fixesen públicas. En todo caso, a pobre Betty quedou con cara de leite fervido vendo como voaba o máximo galardón e, tal como me confesou nos camerinos do “Supermartes”, vendo como voaban os 25 millóns de pesetas que supuña a xira polas televisións europeas reservada ao País gañador.

E agora permítanme que fale dun dos mellores directos que para min e para milleiros de “Eurofáns” se ten escoitado e visto na historia do Festival. A actuación de Anabel Conde naquel escenario de Dublín do ano 95 foi absolutamente soberbia e de poñer os pelos de punta. Repetía o segundo posto que obtivera Karina no 71 na capital irlandesa. Confesábame o autor do tema, o amigo Chema Purón, que escoitar a canción en directo con aquela magnífica orquestra e a inmensa voz da nosa representante facía que mesmo aparecesen as bagoas nos ollos emocionados. Chema é un deses compositores que fan traxes a medida, e fálolles con coñecemento de causa porque podo presumir de ter gravado temas seus realmente fermosos, como lle fixo durante moitos anos á nosa Lucía Pérez, quedando coas ganas de compoñerlle a canción para o Festival de Eurovisión de Düsseldorf, en detrimento do máis que cuestionado “Que me quiten lo bailao”. Purón ten no seu haber entre outros o éxito de “Este amor es tuyo” co que a cantante Gisela gañou o Festival de Viña del Mar, ou o triunfo de Francisco na OTI-92 co tema “A donde voy sin ti”.

E fai falla ser un xastre que confecciona traxes a medida como para facerlle a unha moi xoven e descoñecida intérprete unha canción tan poderosa como o “Vuelve Conmigo”, un tema que os eurofáns máis novos seguen valorando altamente a pesar do tempo transcorrido e das novas tendencias musicais. É unha pena que cada vez vaian menos cancións onde os intérpretes poidan lucir as súas voces, xa que son moitas as apostas que quedan en meras coreografías máis ou menos acertadas. Anabel non precisou nin excesivos efectos luminotécnicos nin coreografías que despistasen, era soamente unha voz impecable e uns fantásticos coros enriba do escenario. 

Despois do festival, Anabel non tivo moita sorte ao quebrar a casa de discos que a levaba, e digamos que TVE tampouco a apoiou demasiado, e diso sabe moito a nosa Lucía Pérez. Despois dalgún disco en solitario formou dúo cun excompoñente de “Calaitos” con que non tivo moito percorrido; e nese tempo convidámola ao “Tequelexou” da TVG, onde por suposto lle pedín que nos cantara o “Vuelve Conmigo”, cousa que fixo encantada. Como encantado estou eu de recordar con cariño a unha estupenda artista e a unha das mellores actuacións que teño visto en Eurovisión. Alégrome que a súa cidade natal, a malagueña Fuengirola, lle puxera o seu nome a unha das súas prazas. Máis que merecida.

Te puede interesar