Opinión

Onte e hoxe

E rematamos o percorrido por “Cidades-Ourense no Tempo”. Outro feito esencial para a historia da cidade foi a fusión co Concello de Canedo en 1943, que case achegou o 60% do termo municipal e a importante estación de ferrocarril, cuxo primeiro convoi chegara de Vigo en 1881. Por primeira vez Ourense mírase no Miño multiplicando as pontes. Simbolicamente a exposición inclúe a tampa de fundición dun sumidoiro co nome de Canedo, acaso a única conservada, e a báscula da estación. E falando de fundicións, a narrativa tamén se apoia no “pote galego” da Fundición Malingre, popularizado por esta industria ourensá a partir dun modelo procedente de Bordeos.

Non faltan planos e fotografías aéreas comparativas da cidade, que mostran o crecemento urbano dende o século pasado, ou a proxección de fotografías actuais organizadas en tres grupos ou tramas: a “auga”, coas fontes públicas, as surxencias termais e o Miño, as “galerías” acristaladas dos edificios ourensáns, dende o século XIX ata as súas interpretacións actuais, e os “paramentos”, que destacan o uso da pedra, preferentemente granítica, en edificios e pavimentos. O Ourense lúdico, que mostra os fotomontaxes de Agustín Guedes coas “inocentadas” que publicaba “La Región” ou as festas, moitas con fonda raizame tradicional -os Magostos, os Maios o Entroido-Carnaval urbano- e un longo etcétera que se complementa con dúas manifestacións musicais representativas de Ourense: o grupo “Los Suaves”, coa guitarra de outros accesorios de Yosi, o seu vocalista, e o “Café Latino”, representado polo contrabaixo que utilizaron grandes instrumentistas e o neón que coroaba o palco dos concertos. Por que esta selección? “Los Suaves” levaron o nome de Ourense fora da cidade, mentres que o “Café Latino” fai a viaxe á inversa, traendo a Ourense as primeiras figuras do jazz internacional.

Ademais das pezas e documentos que citei para sustentar esta ollada heteroxénea, non faltan outras que, con gran calidade de execución ou documental, forman parte inseparable da identidade ourensá. Pinturas decimonónicas e de vangarda, dende Antonio Cendón ou Parada Justel a José Antonio Ocaña,  Quessada ou Virxilio, esculturas castrexas, de Isidoro Brocos ou de Acisclo Manzano, mapas e planos históricos de Frai Plácido Iglesias ata Reinlein, Chao  ou Garayzábal, etiquetas de produtos elaborados en Ourense, máscaras de teatro creadas para “Histrión 70” por Quessada e Ignacio Basallo, así como as numerosas fotografías cedidas por Rafael Salgado.

A exposición complétase cunha proxección en bucle -“As voces da cidade”- na que seis protagonistas, dende cada especialidade, relatan cadansúa visión experimentada sobre aspectos concretos Ourense: o arquitecto Javier Suances Pereiro, a adestradora deportiva Aurora Martínez, o investigador pontino Manuel Domínguez, a xornalista Maribel Outeiriño, a escritora Alba Guzmán e o especialista en jazz, Miguel Martín Mosteyrín.

Con todo buscouse unha ollada poliédrica e global da cidade que procura, coas outras seis, a narrativa urbana de Galicia, tema pouco tratado expositivamente e que estas “Cidades no tempo” queren destacar, a sabendas que faltan moitas pezas, imaxes e documentos que cada un de vostedes poida botar en falta, pero todas as que ven na exposición forman parte inseparable desa cidade que construíu o tempo. Aínda poden visitar a mostra, o que é posible ata o 11 de maio.

Te puede interesar