Opinión

Eurovisivos (2) - Mocedades

Recordando as cancións españolas que estiveron a piques de gañar Eurovisión, hoxe quedo no 1973, despois das edicións do 70 na que Julio Iglesias con “Gwendoline” se fixera internacional,  na do 71 na que Karina quedou segunda con “En un mundo nuevo” e na do 72 cando Jaime Morey co seu “Amanece” non logrou pasar da décima posición. Pero chega o poderío vasco no 73, a voz de Amaya Uranga e o resto dos compoñentes de Mocedades impactan en Europa, aínda que de novo sería a canción que representaba a Luxemburgo, que xogaba na casa despois de que a cantante Vicki Leandros gañase o ano anterior co seu “Aprés Toi”, quen se alzase co triunfo e fixese quedar o prezado trofeo na casa, con Anne-Marie David e a súa “Tu te reconnaîtras”. Todas elas cancións realmente fermosas, nun Festival no que primaban as voces, con orquestra e coros en directo, e sen ningún artificio coreográfico ou escénico que adornase o espectáculo. A única sorpresa que ofrecía cada edición era comprobar o estilismo dos competidores que se mantiña moi en segredo e que sempre daban que falar, como a mini saia da británica Sandie Shaw ou a da alemana Katja Sbstein que representou ao seu País varias veces, o vestido “gateira” de Karina, ou a chaqueta sen petos para que Julio Iglesias non tivese a tentación de meter as mans dentro deles. 

Tiña que dedicarlle estas liñas a Mocedades que quedaron segundos cunha actuación  espectacular. Unha edición que pasará á historia por comezar a permitir que as cancións fosen nun idioma distinto ao do País de orixe, co cal o inglés foi gañando terreo e xa son moi poucos os países que prescinden del, como é o caso de España, Portugal, Francia ou Italia, aínda que por sorte neste 2024 serán moitas máis as linguas empregadas, como o Arameo, Azerí, Esloveno, Estonio, Neerlandés, Grego, Noruego, Ucraíno, e mesmo no aborixe “Uankunytjatjara” de Australia.

A exitosa carreira de Mocedades comezaría no 69 co “Pange Lingua”, unha marabillosa adaptación da canción que se canta polo “Corpus Christi”; logo virían outros temas que marcarían a taxectoria de Mocedades tanto en España como en América, cancións que forman parte da banda sonora da vida de moitos de nós, “Tómame o Déjame”, “La Otra España”, Secretaria”, “El Vendedor” ou a espectacular “Eres Tú” de Juan Carlos Calderón que tanto influíu na carreira de Mocedades, que mesmo triunfaron co tema eurovisivo nos EE.UU. Cando se celebraron os 50 anos de Eurovisión, a televisión holandesa elexíu o “Eres Tú” como a mellor canción da historia do Festival.

Calderón tamén influíu na carreira de Sergio e Estíbaliz na súa aventura como dúo, pasando tamén por Eurovisión con “Tú volverás”. E volverían anos despois para incorporarse a “El Consorcio”, que ao igual que Paloma San Basilio levan anunciando a súa despedida varios anos, pero o público pídelles que sigan e aí seguen. Tanto agradezo isto como que nunha das súas actuacións en “Luar” tiven a oportunidade de cantar en directo ao lado de Amaya Uranga, e créanme que foi un dos momentos máis emocionantes enriba dun escenario; como cando o gran Kepa Junkera tocou a súa trikitixa para que eu me lucira interpretando o “Txoría Txorí”, o gran Kepa que tivo que aparcar a súa exitosa carreira musical, con “Grammi Latino” incluído, por culpa dun maldito ictus que lle deu en plena xira europea. Os seus familiares e amigos publicaron “Berpiztu”, un libro que recolle toda a súa gran carreira musical. ¡Como lle queremos a este vasco-galego!

Te puede interesar